martes, 16 de junio de 2020

XOGAMOS A FACER ROCHAS?

OBXECTIVO: repasar a formación e o ciclo das rochas.

MATERIAL: 

  • Ceras de cores (3 ou 4 sería suficiente) das que teñades pola casa, mellor se son tipo Manley. 
  • Relador para facer fragmentos pequenos de “rocha”. 
  • Coitelo para facer fragmentos máis grandes de “rocha”. 
  • Cazo, pota ou similar para o baño María. 
  • Papel aluminio. 


ATENCIÓN: para os pasos do baño María, pide axuda a un adulto e sempre con coidado e seguridade para evitar queimaduras. Pensa que a cera quente queima bastante.

PROCESO:

  • Relamos e cortamos as ceras para simular procesos de meteorización, e, desta maneira, obtemos fragmentos de diferentes tamaños. Pensade que co relador se obteñen sedimentos tipo area e coa espátula podedes obter gravas. 
  • Posteriormente, mestúranse os distintos fragmentos na palma da man e apértanse. Deste xeito litificamos os sedimentos e obtemos unha rocha. Podedes observar que as rochas sedimentarias se desfán con certa facilidade. 

  • Collemos a nosa rocha sedimentaria e envolvémola en papel de alumino facendo unha cápsula e quentámola lixeiramente ao baño María durante 1-3 minutos. Este paso é fundamental, tedes que vixiar ben o proceso. Recordade que non pode chegar a fundir. Unha vez quentada, sometemos a rocha a elevadas presións, mediante o noso pé (pisa, pisa). 
  • Atención hai que comprobar que a «rocha» estea ben envolta, senón despois tedes que quitar a cera do chan e non é un traballo sinxelo. O resultado é unha rocha metamórfica. 

  • A continuación, volvemos a envolvela en papel de alumino e quéntase de novo ao baño María ata que se funda completamente, deste xeito obtemos magma. A continuación, deixades arrefriar. Ao solidificar temos unha rocha magmática. 

LEMBRANDO O CICLO DAS ROCHAS: 


1.- MAGMA
2.- ARREFRIAMENTO
3.- ROCHA MAGMÁTICA
4.- EROSIÓN
5.- SEDIMENTACIÓN
6.- SEDIMENTOS E ROCHA SEDIMENTARIA
7.- METAMORFISMO
8.- ROCHA METAMÓRFICA
9.- FUSIÓN

Grazas a Ramón Cabanelas por compartir a idea en Aulas Galegas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario